Novas do verán de Lucía Ferro

Foto do busto de unha muller de pelo curto coas puntas cara fóra. Grafas tipo Oxford. Sorrindo. Leva unha gabardina.

Hola , rematou agosto e o verán xa está dando sinais de querer marchar así que pásome polo teu correo para contarche algunhas cousiñas que fixen durante estes meses.

Verás que o que veño a amosarche non é moita cousa pois acabo de ser nai e por agora o meu foco está dirixido cara a ese ser indefenso que precisa de min. Pouco a pouco irei retomando a actividade e continuarei cos artigos e as xuntazas.

O eclipse

Poida que semelle unha tontería, mais ser capaz de ver o eclipse no seu máximo esplendor foi para min todo un logro. Estes momentos nos que a natureza detén a milleiros de persoas durante uns minutos, todos mirando ao ceo, e moitos aguantando o aire...

Son momentos nos que a conciencia xeral muda, a xente cavila, escoita os paxaros que se axustan en voan coma todos na procura de acubillo, observan a confusión dun can ao facerse de noite e a sorpresa dos cativos ao descubrir canto dependemos dos astros que ornamentan o ceo.

O eclipse gustoume tanto polo momento espectacular que compartín coa miña nena nos brazos no que miras ao ceo e ves un anel luminoso arredor dun burato cósmico, como pola conversa que xerou, polos ollos que apartou das pantallas, polos suspiros que agasallou...

Foto dun home sentado sobre un tractor azul. Leva unha camisa gris, un reloxo negro e unha gorra a xogo con liñas vermellas. Na parte de atrás da foto hai unha casa de pedra e no fondo un cobertizo de cemento xunto a outro de ladrillo.

Unha homenaxe que viu a luz

Hai uns meses anoteime a un obradoiro de non-ficción, un estilo de escritura que me gusta moito e desexaba practicar. O obradoiro consistía en tres días nos que discutiríamos o xénero e compartiríamos textos. Por desgraza acurtouse nada máis comezar e non pasou do primeiro. Con todo, deu como resultado a inspiración que me levou a escribir unha peza homenaxe dedicada a un veciño da Rilleira falecido xa, pero que se mantén na memoria da xente.

O domingo 23 viu a luz "Se mueren los Venancios" en El Salto, tamén en galego na versión de Galiza. Este texto explora a importancia da comunidade, en especial, na España baleirada. Céntrome nun único individuo, Venancio, mais falo de todas aquelas persoas que se esforzan en apoiar aos seus veciños para que a prosperidade sexa algo compartido. Nunha actualidade que discute un futuro complexo e complicado é preciso falar de como e con quen imos se acada a supervivencia.

Foto dunha manifestación por Palestina. Unha rúa duns seis metros de ancho está chea de xente con bandeiras de cor vermella, negra, branca e verde.

Palestina perdura, por agora

Cada domingo hai unha concentración en Ribadeo que reclama o cesamento do xenocidio que perpetra Israel sobre o pobo palestino. O pasado 23 de agosto houbo unha manifestación, unha andaina dunhas 300 persoas que camiñamos as rúas lembrándolle a quen nos vise que o xenocidio continúa. Hai quen o considera unha causa perdida. Ignoran, supoño, que tras Palestina veñen outros países, Cuba por poñer un exemplo, e que Europa está no punto de mira dos xenocidas como Trump e Netanyahu. Non podemos esquecer a Palestina, non só porque o terror que alí viven é terrible e inhumano, senón porque deles dependemos nós. O pobo palestino é a fronte dunha guerra que loitamos aqueles que desexamos un mundo sen desigualdade, xusto e sustentable. Non me canso de dicilo, Palestina somos todos.

Cartel do evento "Un medi de comunicación libre" baseado nunha pintura de dúas mulleres falando de Luis Seoane e un logo de Mastodon en forma de mundo,

Dende amarinha.gal

Durante o verán non houbo máis xuntanzas de amarinha.gal porén fixémoslle unha visita á Biblioteca Marabilhas. O sábado 29 de agosto fumos facer un pequeno obradoiro no que lle axudamos aos presentes a empregar a instancia de amarinha.gal de Mastodon e así introducirense no mundo da comunicación libre, esa que non explota a túa atención a través da publicidade nin depende de ningún fascista.

Coma sempre o número foi pequeno mais como podedes comprobar nesta publicación, a calidade é insuperable.

Sobre que temas me queres oír falar?

Se desexas que empregue máis tempo en afondar nalgunha temática, se quedaches con gañas de máis despois de ler algún artigo en particular, ou se simplemente desexas compartir comigo algunha idea, non dubides en escribirme a lucia@luciaferro.es

Apóiame

Se desexas apoiarme podes invitarme a un "café" ou mercar un agasallo para alguén especial